top of page

1.PEIXE

Composición resultado da versión e reinterpretación de dous temas tradicionais. O primeiro cantar, a variación dunha fermosa xitanxáfora que, durante o confinamento do 2020, deprendín do meu amigo Moncho Borrajo  quen á súa vez, sendo neno sentíallo cantar á súa nai Dina, natural do concello de Baños de Molgas e ao seu pai Ramón, nacido no concello de Maceda. O seguinte é unha recreación e recomposición personal a partir da versión dun agarrado que a A.C. Xacarandaina, dirixida polo mestre Henrique Peón, recuperou no concello de Malpica de Bergantiños.

 

Colaboran neste tema dous grades amigos: Pablo Doval coa súa Tuba, músico lalinense de Liño do Cuco e meu grande amigo Fran Lucas coa Arpa de boca, recoñecido percusionista do grupo ‘COETUS’

 

O resto que podería contar, non o podo contar aquí… dá nome a todo o disco… interpretade vos mesmos, que a letra cóllese á primeira!!

 

A `Minhoto´

Meu amigo, o artista vigués, Moncho Borrajo Domarco.

Eu ben vin ó Peixe, lereixe

Na batelada, larada

Cunha rapeta, lereta

Aprendendo a pescador

Ai! Minhoto, se te eu non vexo Ai!, canta door

Eu ben vin ó Peixe, lereixe

Brila-la prata, larata

Coa barredoura, leroura

Aprendendo a pescador

Eu ben vin ó Peixe, lereixe

Nunha enxurrada, larada

Cun alxerife, Lerife

Aprendendo a pescador

Ai! Minhoto, se te eu non vexo Ai!, canta door

Eu ben vin o Peixe, lereixe

Move-lo rabo, larabo

Coa caniveta, lereta

Aprendendo a pescador

 

Atirei unha laranxa

Nacida dun limoeiro

Se o xogho non for enghano

Corre Pertughal enteiro

Foi prender naquela puza

Foi o Caldo que o apurou

Parido no mes de aghosto

E coa seca non medrou

 

E se non for, e de non ser, e que non fora

Ghalo de río, Peis de curral

E se non dar, e de non der, que non mo dera

Crista mollada, raspa a secar

Ai la la la

 

Non vos din en reparar-e

Nas falas que leva o vento

Pensar que contigo soio

Tiña de pasa-lo tempo

Cantante de capoeiro

Minhoto, galo galán

Pre quen turra e máis non quere

Tenche meu pai moito pan

 

E se non for, e de non ser, e que non fora

Ghalo de río, Peis de curral

E se non dar, e de non der, que non mo dera

Crista mollada, raspa a secar

Ai la la la…

Eu ben vin ó Peixe lereixe

Na Pedra Bela, lerela

Co seu trasmallo, carallo!!!

Deprendendo a pescador

Ai! Minhoto, se te eu non vexo Ai!, canta door

Eu ben vin ó Peixe, lereixe

Tira-la cana, larana

Coa súa fisgha, lirisgha

Deprendendo a pescador

Haiche ben troitas de monte

Pitos cairos de ribeira

Aghora aquence os joelhos

Nas muxicas da lareira

A vida desta maquía

No inferno ha considerar

Moito viraron as penas

Moito máis tein de virar

 

E se non for, e de non ser, e que non fora

Ghalo de río, Peis de curral

E se non dar, e de non der, que non mo dera

Crista mollada, raspa a secar

Eu ben vin ó Peixe, lereixe

Na batelada, larada

Na Pedra Bela, lerela

Co seu trasmallo, carallo!

Ca súa fisgha, lirisgha

Deprendendo a pescador

…………

Ai! Minhoto, se te eu non vexo Ai!, canta door

2. COSTA DA VIDA

Arranxo de dous temas tradicionais recuperados na parroquia de Arcos, no Concello coruñés de Mazaricos. En concreto dous tons de xota propios das aldeas de Cabanude e Xián sitas as dúas na cara interior do senlleiro monte `O Pindo´, aló onde o río Xallas derrama no mar a xeito de espectacular fervenza.

 

O tema nútrese dalgunha cantiga tradicional e moitas outras da miña autoría para expresar o desacougo  ao andar á procura do reencontro cun mundo xa extinto. Fala das saudades dun xeito de vida onde as casas non tiñan fechaduras, onde a solidaridade e o mancomún eran unha relixión e o equilibrio do ser humano coa Nai Natureza, unha necesaria filosofía. Costa da vida é o andar á procura dun amor que nunca ha de voltar, alo menos do xeito que un o garda no seu imaxinario. Desacougado e anexo a un mundo xa esquecido, sen ser quen de aceptar o seu propio pasamento.

Todos me din que bo é

Todos me din que me case

Pero non me din con quen…

 

Eu casar me casaría

Se a vida de casadiño

Fora a do primeiro día

Eu casar ben me casaba

Se a vida de casadiño

Fora quedar como estaba

Andando a costa da vida

 

Pra terra de moito pan

Os fornos non teñen leña

Crían silvas polo vran

 

Pra terra de moito viño

Os culeiros tan rachados

Os laghares tan caídos

Fun á ribeira á procura

Todos me din que bo é

Todos me din que me case 

Pero non me din con quen…

 

Pra terra de de labradíos

espigheiro, silva verde

Polas estrughas proído

 

Pra terra de apañadores

Castiñeiros sen candea

Sen vara os vareadores

Fun á montaña á procura

 

Pra terra de fiadeiros

Non hai liño con baghaña

Peiteada polos restrelos

 

Pra terra de moito sal

As ghamelas amarradas

E as oitras moito mal

Eu fun ao mar á procura

Todos me din que bo é

Todos me din que me case 

Pero non me din con quen…

 

Como un paxaro sen pena

Así é como eu me sinto

Perdidiño pola terra

 

Como unha pena sen ave

Así é como eu me sinto

Perdidiño polo aire

Andando a costa da vida

Todos me din que bo é

Todos me din que me case 

Pero non me din con quen…

Veciño da parroquia de Arcos, Mazaricos.

3. CHIQUIS CHAQUES

Tons recollidos de dous Chiquis-chaques da man das veciñas da parroquia de Gargamala, en concreto, dos barrios de Mourelle e Boente. Destas dúas rumbas, propias do repertorio das fiadas e seráns, resulta este tema.

 

A súa letra metafórica, tirada de cantigas tradicionais e outras de creación propia, pretenden unha reflexión sobre que elementos deberiamos conservar e cales deberiamos rexeitar das nosas antigas culturas.

 

 Dentro das normas sociais de cada tribu, sexa cal for, cada membro cumpre unha función determinada e é integrado, protexido e aceptado polo mero feito de ser parte da mesma. Iso si, sempre que acepte a pé feito todas e cada unha das normas desa tribu en concreto. De non ser así poden acontecer, alo menos, dúas vías: a máis tráxica é a dereita expulsión, despoxe e exilio. A outra, aparentemente menos agresiva pero moitísimo máis cruel, parte da falsa tolerancia e eterno perdón que leva a esa tribu a sentirse en paz coas súas deidades por ter aceptado tal desviación. Iso si, non fagas máis ruído porfa e, como penitencia, paga relixiosa e indefinidamente esa débeda para cos teus por tan piadosa clemencia.

 

As diferentes pasamos media vida adaptándonos, modificando condutas na contra da nosa natureza e outra media tratando de entender a ese novo ser que vive en nós pero que non somos quen de recoñecer.

 

De todo se aprende, si, pero falta non che me facía.

 

Un lugho, oiga!!

Serán a cargo das veciñas da parroquia de Gargamala, Mondariz.

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume canto tiña

Aghora que me casei-e

Paghoume cunha sardiña

 

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume tres ovellas

Unha cegha e outra xorda

E outra que non tiña orellas

 

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume bois e vacas

Aghora que me casei-e

Paghoume cunhas abarcas

 

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume sete cuncas

Aghora que me casei-e

Nunca chas vin todas xuntas

 

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume unha moenda

Aghora que me casei-e

Nin ma dou nin se lle espera

 

Miña Nai por me casar-e

Ofreceume dúas landras

Aghora que me casei-e

Nin mas deu nin se lle agharda

 

Raices da miña banda

Habedes de perdonar-e

Teño unha falta na i-alma

Non a podedes contar-e

4. ANIMAL

Das terras galegas do wolframg saen estes tres cantares que xuntos conforman unha composición final de muiñeiras recompiladas en Carcacía (Padrón), Magán (A Estrada) e A Casiña (Cuntis). Con este enérxico encofrado, desexo provocar a sensación, con determinación e vehemencia, desa deriva autodestrutiva que temos os seres humanos condenándonos a un existir asulagado de estrés e inconformismo, da ansia e présa por chegar canto antes a un lugar final nunca acadado.

 

Eu tamén disfracei a agonía desa busca con máis procura vestida de éxito e posición. Convencéronme e deixeime convencer de que é esta lei e esta estratexia  o elemento imprescindible para acadar unha inalcanzable paz e felicidade. Fun torpe, nin fun a modo nin voltei de vagar. Esquecín, mesmo nunca me deprenderon, ou coido que non quixen aprender, a vía da pracenteira degustación de cada pequeno intre que nos erosiona, envellece e que á vez nos embelece. Obviei a observación atenta de cada un dos lugares que me terían feito vibrar. Abandonei persoas que me acompañaron en cada pequeno carreiro desta andaina por un enganoso `ben maior´. Vivín intenso e tremendamente veloz, a chimpos,  perdendo ben pouco tempo en migallas. Non foi de todo perdido, mais tampouco o invertín.

 

Pero chega ese momento no que a vida que berraba `arre´, tira da corre e ordena `Xó´. Entón xa non hai outra; mellor sería peor. Agochei a testa perdido e cando abrin os ollos vin cousa que nunca vira. Aí, ao  meu pé. Aos poucos mudei a ollada cara a todas as cousas do meu arredor. Sentín volver nacer, xa maior, noutro mundo diferente. Sopesei e reflexionei, e apalpei cada pequeno detalle que me rodeaba… Caín na conta de que non somos nós quen se achega a esa terra prometida senon que é ese lugar último o que chega a nós a modo de ubicación eterna, previo paso pola inevitable morte.

 

 E a mín, sinceramente, agora mesmo cólleme fatal de tempo…

 …tomei decisións, movín ficha…

 

 E aparecéstedes vós, meus anxos.

 

Participan neste tema tres grandísimas voces dos meus amigos e excompañeiros dos Pandereteiros da ‘ACF O Fiadeiro’: Diego Cabaleiro, Diego Calviño e Iván Blanco.

 

A  Adrao Casal e Artur Puga

Carmen Dios, Balbina Ojea e Elisa Dios. Veciñas de San Pedro de Carcacía, Padrón.

Inda aghora reparei-e

Quen andaba no torreiro

Anda caravel e rosa

Anda o ramalliño enteiro

Ai la lala…

 

Excusabas doutro par-e

Pra beila-la muiñeira

No teu lar non ch´ha faltar-e

Unha vida beiladeira

Ai la lala…

 

Andei d´arriba pra baixo

Movendo o paparrucheiro

Na miña casiña tiña

Quen me a mín leve ao turreiro

Ai la lala…

 

Pra vida de beilador-e

Excusabas máis parellas

No teu lar non ch´ha faltar-e

Pra beila-la muiñeira

Ai la lala…

 

Daquí onde tou ben vexo

Dous Muíños a moer-e

Un anda i-outro desanda

Así fai o ben querer-e

 

Daqui onde tou ben vexo

Follas do Verde Loureiro

Tamén vexo Dúas Prendas

Valor de moito diñeiro

Era de nogal, era de nogal o santo, era de nogal, por eso pesaba tanto… animal

 

 

E como son ghaiteiriño

O quefacer polo vran-e

Todos sachando no millo

Eu coa ghaita na man-e

Ai la lala…

 

Chisquiño tabas descalso

Chisquiño porque querías

A casa dos sapateiros

Chisquiño ben a sabías

Ai la lala…

 

Como ghaiteiriño son-e

O quefacer polo inverno

Todos a esfolla-lo millo

Eu coas mans no punteiro

Ai la lala…

 

Chisquiño descalso tabas

Chisquiño por porfiar-e

A casa dos sapateiros

Tíñala da túa man-e

Ai la lala…

 

Daquí onde tou ben vexo

Dous Muíños a moer-e

Un anda i-outro desanda

Así fai o ben querer-e

 

Daqui onde tou ben vexo

Follas do Verde Loureiro

Tamén vexo Dúas Prendas

Valor de moito diñeiro

Era de nogal, era de nogal o santo, era de nogal, por eso pesaba tanto… animal

 

 

Non din en caír na conta

Xa Caín e cairei-e

De ter caído máis antes

Non amaba a quen amei-e

Ai la lala…

 

Andiveche a sementar-e

Montes pradíos e veighas

A augha das sete fontes

Nasía na túa eira

Ai la lala…

 

Dixen cantighas e coplas

A quen me non meresía

Moitas máis lle hei de cantar-e

Ás prendas da miña vida

Ai la lala…

 

 

Andiveche a sementar-e

Mpntes veighas e pradíos

A augha das sete fontes

Nase no teu labradío

Ai la lala…

 

Daquí onde tou ben vexo

Dous Muíños a moer-e

Un anda i-outro desanda

Así fai o ben querer-e

 

Daqui onde tou ben vexo

Follas do Verde Loureiro

Tamén vexo Dúas Prendas

Valor de moito diñeiro

Era de nogal, era de nogal o santo, era de nogal, por eso pesaba tanto… animal

5. CARACOLES

Dunha desas persoas especiais, sabias, bondadosas e xenerosas, humilde de sangue e de corazón, a miña eterna amiga Concha de Luneda, sae unha fermosa xota na que me inspirei para facer este tema. Ela foino todo: labrega, menciñeira, artesá, traballadora e empresaria dunha pousada onde aos galegos emigrados en Cataluña nunca lles faltou prato nin cama. Si, aló emigrou co posto, aló deprendeu a ler e, dende que o fixo, devorou milleiros de libros. Aló aprendeu a fala catalá, língua que dominaba á perfección, e cando tivo tanta riqueza que non tiña un peso, voltou á súa terra para ser ela mesma e compartir con adicación e cariño toda a súa fortuna, a súa bondade, o seu saber e a súa branca alma.

 

Coidounos, agasallounos, ensinounos, acolleunos e pasou os seus últimos tempos acompañando, aloumiñando e axudando a aqueles veciños que estaban sós, necesitados, abandonados e impedidos nos últimos días das súas vidas. Gostaba tamén da mocedade, de ir aos seráns, de viaxar e expoñerse con maxistral arte diante do público dos grandes escenarios onde exhibiu ese don especial e marabilloso de troveira e improvisadora. Deixaba que o silencio fose perfecta compaña da súa incrible voz preñada de sentimento.

 

E con todo iso, dábanche por tola! Vaia, pois, unha tolura chea de verdades, porque Concha, eu quero ser tolo coma ti.

 Grazas sempre, GRAZAS!!!

 

 E que dicir de Aida Tarrío, unha das Tanxugueira, formada no Grupo Tahume de Olveira (Ribeira), miña boa amiga e compañeira en ENTRESOÑOS, espectáculo da compañía do meu máis que irmán `Fran Sieira Compañía de Danza´. Participan neste tema Fran Lucas, desta volta tanxendo un Bendir e a miña grande amiga Úrsula Rial coa súa marabillosa Requinta..

Simplemente, escoitádea!!!!

Concha de Luneda no teatro García Barbón de Vigo na V gala ‘Esta noite hai unha fía’ celebrada no 2006.

Ai! tate aquí Pepe, non marches

Ai! Que imos face-lo ghisado

Ai! Con ghrilos da borralleira

Ai! Caracoles do valado

 

Ai!, almorcei en cas fo cura

Ai! Inda hei volver a xantar-e

Ai! Se non me arrimo a quen ten-e

Ai! Quen non ten que me ha de dar-e

 

Caracoles con coles es mi comida

Una caracolera me dió la vida

Me dió la vida, me dió la muerte

Caracoles con coles, comida fuerte

 

Ai! O corazón dunha pulgha

Ai! Quen o soubera ghisar-e

Ai! Daba xantar e merenda

Ai! A cea para cear-e

 

Ai a lendia mailo piollo

Ai! Andan na herba a seghar-e

Ai! Volaí vai o gharrapato

Ai! Dirriado co xantar-e

 

Caracoles con coles es mi comida

Una caracolera me dió la vida

Me dió la vida, me dió la muerte

Caracoles con coles, comida fuerte

Ai os cabaliños do demo

Ai! Cando vao aos gharabullos

Ai! Asubíanlle os laghartos

Ai! Polos furados dos muros

Ai unha manada de ratos

Ai! Todos xuntos nun faiado

Ai! A rezarlle a San Antonio

Ai! Que os case de contado

Caracoles con coles es mi comida

Una caracolera me dió la vida

Me dió la vida, me dió la muerte

Caracoles con coles, comida fuerte

 

Ai! Se ti vira-lo que eu vin-e

Ai! Quedabas abaneando

Ai! Unha cadela con pitos

Ai! Unha ghaliña ladrando

Ai! Dende que che son nacido/a

Ai! Na miña vida tal vin-e

!Ai unha cabra cunha roca

Ai! Un castrón cun violin-e

 

Caracoles con coles es mi comida

Una caracolera me dió la vida

Me dió la vida, me dió la muerte

Caracoles con coles, comida fuerte

Hei de cantar acó enrriba

Pora que sintan aló en medio

Pra que digha meu irmán: 

meu irmán non ten remedio

Ai la la…

Hei de cantar aló en baixo

Pra que sintan aló enrriba

Pra que digha miña Nai:

Esta é a súa filla

Ai la la…

 

Hei de cantar e bailar-e

Ata que me leve a morte

Que o diñeiro do meu amo

Non se Ghaña nesta sorte

Ai la la…

 

Non se Ghaña nesta sorte

Do meu amo, seu diñeiro

Teña folgho miña voz

Teña sal o meu saleiro

Ai la la…

6. LA PLATA

A certas idades un repara en que todo feito pasado, aconteceu, se cadra, hai un par de anos. Pois, madia leva, que fará un par de anos nunha fermmosa fin de semana en Sanabria, paseando as rúas de Puebla, sentín panderetas. Obvio que seguín aquel son, como can de presa no seu rastrexo. E aló estaba Pepa engaiolando a un grupo de sorrintes veciñas que derramaban felicidade entre cantares populares. Xa non houbo visita monumental esa tarde senón conexión, intercambio de cantares e, como suporedes, perfecta algarabía.

 

Pepa Calvo Núñez, natural de Zamora e compoñente nos seus inicios daquel impresionante Grupo Etnográfico “Bajo Duero”, foi despois xunto cos recoñecidos Edelio González (seu home), Paco Pedrón (seu grande amigo) e Alberto Jambrina (o arranxista e non menos amigo) que conformaron o grupo “Habas Verdes”, facendo un labor impagable no eido da recuperación e transmisión do legado musical. Pepa, mestra de cantares populares na Escuela de Sanabria del Consorcio de Zamora, aprendeume un cantar de Aliste coa súa pandereta, cantar que inclúo neste tema e polo que lle estou moito máis que agradecido.

 

Completo esta miña versión e revisión, cun estribillo dun Charro tamén alistano moi popular que, xa o mestre e icono da música tradicional peninsular D. Eliseo Parra, tivo a ben versionar no seu exitoso tema “La llave de la alegría”.

 

E din en lle chamar  “La PLata” en referencia a esa vía que atravesa as terras charras conectando esta nosa esquina atlántica coas culturas do sul da península e como non podía ser doutra maneira participar o ben querido Fran Lucas tanxendo o bendir.

Pepa Calvo Núñez. Puebla de Sanabria. Interpretando un charro Alistano.

Dicen que la harán, la harán

La fuente para beber

Ole y ole dicen que la harán la harán

Ole y ole y no la acaban de hacer

 

Al pié de un árbol sin fruta

Me puse a considerar

Ole y ole que pocos amigos tiene

Ole y ole el que no tiene que dar

 

Por debajo del aro de mi pandero

Como veo lo malo veo lo bueno

Acuérdate madama cuando te regalé

La cinta para el pelo, la hebilla para el pié

Ole, olé madama… de tí me enamoré

 

Por esta calle a lo largo

A lo largo a lo tendido

Ole y ole si mi amante es un borracho

Ole y ole la culpa la tiene el vino

 

Si canto me llaman loco

Y si no canto cobarde

Ole y ole si bebo vino borracho

Ole y ole si no bebo miserable

 

Por debajo del aro de mi pandero

Como veo lo malo veo lo bueno

Acuérdate madama cuando te regalé

La cinta para el pelo, la hebilla para el pié

Ole, olé madama… de tí me enamoré

 

A los caños de una fuente

Tengo mi caballo atado

Ole y ole que venga un majo valiente

Ole y ole que se atreva a desatarlo

 

Estrella de fuego fuiste

Y en mi corazón entraste

Ole y ole dejaste el fuego encendido

Ole y ole y despues te retiraste

 

Por debajo del aro de mi pandero

Como veo lo malo veo lo bueno

Acuérdate madama cuando te regalé

La cinta para el pelo, la hebilla para el pié

Ole, olé madama… de tí me enamoré

La despedida canto

 no me han oído

Con todos mis honores

yo me despido

 

Ai! Que dolor,

señor militar

Con el fusil al hombro,

el paso regular

(…)

Acuérdate madama cuando te regalé

La cinta para el pelo, la hebilla para el pié

Ole, olé madama… de tí me enamoré

7. MANOLO

E chegou a modernidade, as saias perderon roda, as romarías tiñan `orquestilla´ e os ritmos agarrados comezaron a ser o new style imperante.  `O arrradio´, principal transmisor das novas músicas de moda. E claro, nas festas de pandeireta había que cantar o demandado. Axiña foron quen de adaptar ás pandeiretas e os seus tons aos novos estilos para ofrecer, do mellor xeito posible, o requerido pola mocidade. Apareceron rumbas, fox trot, polcas etc… e, neste caso de `Manolo´, as mazurcas. É curiosa a simbiose entre o adquirido como empréstimo melódico e lírico nunha lingua allea coa cultura popular herdada. Retrousos casteláns intercalados con cantigas antigas perfeitamente combinadas. En Paredes (Ponteareas), a este novo ritmo bailable, deron en chamarlle `Dous Pasos´ facendo referencia aos dous tipos de movemento desta danza. Neste caso nós quixemos facerlle honra á cultura popular veciña achegando levemente a versión orixinal a algunha desas `seguidillas´ tan populares na península. Sen dúbida para nós, un tema de irmandade, retranqueiro e adevertido, que iso sempre fai moito ben.

 

Colabora  Xan Pérez, un dos compoñentes do grupo, pero desta vez como voz solita.

Adoracción Toucedo e Clementina Álvarez. Veciñas da parroquia de Paredes, Ponteareas, interpretando o 'Dous Pasos'.

Manuel fixo unha fonte

Botoulle o bico de ouro

As mozas non beben nela

Manuel mátase todo

 

Oye! Manolo! no llores tanto

Porque se te oye en el camposanto

Nel camposanto, nel cementerio

Oye! Manolo! por tí, me muero

 

Manuel fixo unha fonte

Botoulle o bico de prata

As mozas non beben nela

Manuel todo se mata

 

Oye! Manolo! no llores tanto

Porque se te oye en el camposanto

Nel camposanto, nel cementerio

Oye! Manolo! por tí, me muero

 

Manuel fixo unha fonte

Botoulle o bico de vidro

As mozas non beben nela

Manuel mátase vivo

 

Oye! Manolo! no llores tanto

Porque se te oye en el camposanto

Nel camposanto, nel cementerio

Oye! Manolo! por tí, me muero

 

Manuel fixo unha fonte

Botoulle o bico de ferro

As mozas non beben nela

Manuel mátase enteiro

 

Oye! Manolo! no llores tanto

Porque se te oye en el camposanto

Nel camposanto, nel cementerio

Oye! Manolo! por tí, me muero

8. AUGA

Cada unha das persoas que me abriron a porta nestes xa 30 anos de recuperación, merecen todo o meu agradecemento, respeto e sincero cariño. Mais teño de admitir que sempre hai aquel lugar e aquelas persoas coas que un regresa incesantemente. Se algún merece a miña mención especial, esa é a casa de Aida e Rosa Garrido Casqueiro. Dúas irmás de Moscoso (Pazos de Borbén) coas que, durante máis de 15 anos, pasei incontables horas de convivencia e aprendizaxe. O que de primeiras foi unha visita co gaio de gravar cantares e bailes dalgún tempo, foi dar en xantares de copiosos cocidos de `escornante, fozante e volante´, semanais xuntanzas nocturnas nas que o viño e o licor café eran a excusa perfecta para non manexar e ficar unha noite de okupa. Unha casa que acolleu a decenas dos meus amigos, convertíndoos en familia e para os que as portas sempre estiveron abertas.

 

`Daquí do alto do Cacho

Hei de dar un asubío

Aínda son quen era onte

Aínda non perdín o brío.´

 

Aida e Rosa, Rosa e Aida foron as miñas musas. Ben podería dicir que viven dentro de min, cando canto, cando estou en celebracións de entre amigos. Reparar en tantos anos de andaina é ter sempre presente á parroquia de Moscoso. Ás veces teño tan vívidas todas as historias que me contaron que mesmo semella que fosen miñas propias, e se cadra, sono.

 

Este tema é unha amalgama de varios cantares delas, dende a xota, orixinaria de San Vicente de Trasmañó (de onde era nado o home de Rosa), ata anaquiños doutras xotas propias deste lugar ou mesmo da aldea veciña de Calvos (Fornelos de Montes), onde Aida, ben máis vella que Rosa, adoitaba ir ao serán. Pero tamén é unha solución perfecta deses sentimentos sementados no máis profundo de min. Sentimentos afastados de saudades, porque cada segundo desta impagable compaña está viva coma se tivese acontecido mesmo nesta pasada noite.

 

E neste `Auga´, conto coa grandísima sorte de poder ter a inestimable colaboración do gaiteiro Pepe Vaamondeco que xa levo percorrido máis de dez anos de música. Un orgullo especial é a participación de Natalie Haas e Alasdair Fraser como intérpretes de luxo e arranxistas, en parte deste tema. Eles foron os responsables da miña asistencia como instructor de música e danza tradicionais galegas nos seus mundialmente recoñecidos `Fiddle Camp´.

 Convidados de excepción en representación de tantas e tantas experiencias artísticas dentro da miña vida no eido da música tradicional e Folk. Media vida que ten sido moitas cousas, mais prometo nunca  ter sido aburrida.

 

A pola outra media!!!

Aida e Rosa Garrido Casqueiro, irmás veciñas da parroquia de Moscoso (Pazos de Borbén)

Tate aquí que vou de presa que vou abrir unha poza

Que a teño encharcada no corazón dunha moza

Fun ó río beber água

Na casca da `balansía´

Nin bebín nin troien água

Nin falei a quen quería

Fun ó río beber água

Na casca dunha laranxa

Fun por ve-los meus amores

O meu corazón non cansa

 

Aghora xa foi, na deixaras ir

A túa cabeza dache que sentir

Dache que sentir

Dache que pensar

Aghora de feita non vale chorar

 

Fun ó río beber ághua

Na casca da flor da froita

Fun por ve-los meus amores

Que a sede non era moita

Fun ó río beber ághua

Na casca dunha xudía

Fun por ve-los meus amores 

fun de noite e vin con día

 

Aghora xa foi, na deixaras ir

A túa cabeza dache que sentir

Dache que sentir

Dache que pensar

Aghora de feita non vale chorar

 

Polo mar abaixo vai unha bubela

Ela fala a i-outro e outro fala a i-ela.

9. NIN MAL NIN BEN

Sendo ben meniño, meu pai, `Pepín´ (José Antonio Feijoó), levoume ver un concerto de `Milladoiro´ a Ferreira de Pantón. Coido sobran palabras para relatar aquela experiencia e lembro ter sentido un fondo pensamento:

 

 -algún día estarei aí-

 

Hoxe estreo meu primeiro traballo contando coa colaboración dun dos moi poucos ídolos que sempre tiven. O mestre D. Rodrigo Romaní. Un soño feito realidade a través desta versión dun agarrado aprendido das máis que currantas, amigas e bravas mulleres da parroquia de Toutón (Mondariz), ás que quero pola vida.

 

 O tema? Mellor escoitalo… `Nin mal, nin ben´.

 hehe…

urora da Patrona, apelidada Barros Martinez, veciña da parroquia de Toutón, Mondariz.

Xastre tráioche un recado

A máis non é de costura

Que che quero preguntar-e

Se o mal de amores ten cura

 

O mal de amores ten cura

Mal de amores cura ten-e

Eu xa tiven mal de amores

E non mos curou ninguen-e

 

Amores xa tiven eu-e

Que me decían chorando

Que nunca me olvidarían 

E me estaban olvidando

 

E me estaban olvidando

Cos ollos a baghullar-e

E nas baghullas dicían

O pagho que habían dar-e

 

Amores que se ghababan

Que me habían de deixar-e

Daquela deixeinos eu-e

Correron a se alabar-e

 

Correron a se alabar-e

A se alabar foron dreitos

Como xa foi noutro tempo

Quedóucheme todo feito

 

A despedida foi pronta

O loito xa foi por diante

Como xa foi noutro tempo

Adeus pedra de almirante

 

Adeus pedra de almirante

Que de brilante se cubre

Non hai mal que non acabe

nin hai ben que sempre dure

10. ANCARES

Unha das cousas máis románticas que teño observado da nosa xente é o feito de vivir sempre entre cantares, músicas e asubíos. A calqueira hora do día, dende o parladoiro dunha casa de labranza, ouvíanse incesantes cantares. Xente que estaba na labrada, pastoreando, andando os camiños… Tentei por veces imaxinar como podería sonar esa amalgama de diferentes cantares provintes de lugares tan dispares nunha terra amplificadora de cada son natural debida a ausencia de contaminación acústica artificial. Din, daquela, nesta introdución que me sobrecolle por dúas grandes razóns: a fermosura deses cantares das segas das montañas orientais, barreira natural entre a nosa terra e o resto da península, e pola maxistral interpretación de dúas persoas que amo con loucura. A Miña grandisima e xenerosa amiga Alba Faro, e o meu pequeno Xan Pérez.

 

Agardo, cando escoitedes esta introdución, sintades o que de verdade eu, de corazón, non podo evitar sentir.

 

E rematamos con festa, festa de baile, de relación, exaltación e excitación mediante dúas moliñeiras ancaresas. A primeira propia dos cantares con pandeira, seguida doutra recuperada ao inconmensurable gaiteiro `O Poso´.

 

 Se rematades brincando, xa ben pagou a pena este disco.

Polavila en Vilarello da Igrexa. Parroquia do Concello Lugués de Cervantes, na serra dos Ancares.

Segador que sega e sega

Debajo de la neblina

Se non te corta a gadaña

Saca la piedra y afila

 

Hen dir as segas hen dir

Hen de leva-la morena

Anque non corte unha palla

Á noite durmo con ela

 

Os vellos non valen pre certos traballos

Os vellos non valen pre certos traballos

O demo chos tenta en meterse en fregados

O demo chos tenta en meterese en fregados

 

Ó cabo leirín ó cabo

O cabo leira de trigo

Se o noso amo é honrado

Ha pagarnos un cuartillo

Se non se meteran mellor lles sería

Se non se meteran mellor lles sería

Un plato de papas e quenta-la barriga

Un platín de papas, quenta-la barriga

 

Do outro lado do río

Oín cantar i escoitei

Cantaban os meus ammores

Amores que olvidei

 

O ghaiteiro da Leighúa

Foi tocar a Villanova

Como non tocaba ben

Botáronlla gaita fóra

 

Aquela que anda no baile

Non hai quen lle diga nada

Eu lle digo que lle digan

Morena viva quen baila

 

Esta pandeira que toco 

é de pelica de corzo

Tócana en Pelliceira

Resona en Arandoxo

 

Vou a da-la despedida 

no se la quisiera dar

Que se van mis camaradas

 Non me quieren aguardar

Vou a da-la despedida

A todos en general-e

Que meu corazón non quere

Con ninguno quedar mal-e

bottom of page